Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

Cultura e Educación difunde o Teatro Galego en Portugal con tres funcións de 'O Profesional' en Coimbra e Braga

07 Novembro 2012

Cultura e Educación difunde o Teatro Galego en Portugal con tres funcións de 'O Profesional' en Coimbra e Braga

Santiago, 7 de novembro de 2012.- O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria viaxa esta semana a Portugal co seu último espectáculo, O profesional, que será representado mañá xoves 8 e o venres 9 no Teatro da Cerca de São Bernardo de Coimbra e o martes 13 no Theatro Circo de Braga. A inclusión destes dous espazos nesta xira enmárcase na liña de promoción e colaboración que a compañía pública galega mantén con diferentes entidades portuguesas na procura de acadar unha relación normalizada e sistemática entre as escenas de ambos países.

Á intensificación destas relacións responde, así mesmo, a participación da Compañía de Teatro de Braga en calidade de entidade coprodutora da nova proposta do CDG, dirixida por Manuel Guede Oliva e interpretada por catro recoñecidos nomes da escena galega: Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel.

Na produción do que é o primeiro traballo da nova etapa de Guede Oliva á fronte do Centro Dramático Galego, recuperáronse os elementos escenográficos e de atrezzo que foran deseñados e construídos no seu día para a versión portuguesa deste espectáculo, que el mesmo dirixiu en 2007 para a Companhia de Teatro de Braga. Así, na ficha artística a achega portuguesa reflíctese na escenografía asinada polo arquitecto José Carvalho Araújo, na creación de vídeo de Hugo Carvalho Araújo e no espazo sonoro que idearon conxuntamente Pedro Pinto e Manuel Guede.

Ademais, para a versión galega contouse coas achegas de María Negreira a cargo do vestiario, Juanjo Amado no deseño da iluminación, Fran Veiga na produción e Inma Antonio Souto como asistente de dirección. A adaptación da obra ao galego é tamén de Manuel Guede, a partir da tradución de Vladimir André Cejovic e Anne Renoue.

Drama político e policial
No ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da guerra dos Balcáns, a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia incorpora por vez primeira ao seu repertorio un autor da antiga Iugoslavia a través dun drama político e policial, pero con grandes doses de comicidade e ironía.

O profesional está ambientada no Belgrado de 1990, dez anos despois da morte do mariscal Tito e pouco despois de que o Partido Comunista renunciase ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban, ex policía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos. Na versión do CDG, Miguel Pernas e Ernesto Chao dan vida aos que nunha época foron perseguido e perseguidor, pero que agora ven como os seus papeis se inverten nunha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia.

Rebeca Montero, como Marta, e Rodrigo Roel Rodrigo Roel, como “o tolo”, completan o elenco que leva a escena este texto actual e cheo de matices, que indaga na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos, así como na grandeza e miseria do espírito humano. A escenografía, dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.

Xira ata decembro
Trala súa esta estadía en Portugal, O profesional regresará a Galicia para continuar unha xira que se estende ata finais de decembro con paradas no Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 23 de novembro), Pontevedra (Centro Social Novacaixagalicia, 30 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 4 e 5 de decembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 8 de decembro), Narón (Pazo da Cultura, 14 e 15 de decembro) e Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 23 de decembro).

En total, serán 30 as funcións que o Centro Dramático Galego terá ofrecido ata fin de ano en 12 escenarios galegos e portugueses coa súa nova proposta escénica, estreada o pasado 5 de outubro no Salón Teatro de Santiago.

  • Unha escena de O Profesional
Desenrrolado con Drupal