Este ano iniciaránse os traballos de redacción do Plan de usos e xestión do Parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés
- A directora xeral de Patrimonio Natural sinala que o obxectivo é acadar un documento que sirva para conservar o parque natural regulando os usos que se desenvolven, co fin último de que a xestión deste espazo permita compatibilizar a actividade tradicional coa preservación do medio.
- Tamén recordou que Galicia, xunto con Portugal, presentarán unha nova iniciativa para dar continuidade ao proxecto ‘Gêres-Xurés Dinámico.
Lobios, 6 de marzo de 2018
A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, avanzou esta mañá que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciará este mesmo ano os traballos de redacción do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural Complexo Baixa Limia Serra do Xurés. A directora xeral fixo este anuncio durante a reunión da Xunta Consultiva do Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés, celebrada esta mañá no Centro de Interpretación de Visitantes.
Tal e como explicou Ana María Díaz, o obxectivo é acadar un documento que sirva para conservar o parque natural regulando os usos que se desenvolven, co fin último de que a xestión deste espazo permita compatibilizar a actividade tradicional coa preservación do medio.
Cómpre salientar que os plans reitores de uso e xestión desenvolven as prescricións emanadas do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de cada parque e delimitarán as previsións de actuacións da administración no seu ámbito de aplicación, e en particular o uso público e a conservación, protección e mellora dos valores naturais.
Indicou que tamén ao longo do presente ano tamén se continuará co deseño e execución de campañas de divulgación e promoción do turismo de natureza sustentable e de educación ambiental e a encomenda de xestión de mantemento dos valores naturais.
Asemade, a directora xeral recordou que a semana pasada a Xunta anunciou o compromiso de, xunto co Goberno portugués, seguir traballando nun proxecto conxunto co obxectivo de dinamizar e dar a coñecer a riqueza natural do territorio da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.
A Xunta de Galicia e o Goberno portugués colaboran na actualidade como socios e principais beneficiarios no proxecto Gerês-Xurés Dinámico, que forma parte do Programa Interreg España-Portugal 2014-2020. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de case 2 millóns de euros cofinanciados ao 75% con Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ten como principal obxectivo a dinamización conxunta da Reserva da Biosfera, para fortalecer a identidade propia deste espazo natural.