Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

Feijóo avoga por un polo loxístico, de transporte, turístico, de tecnoloxía e de innovación entre Galicia e o Norte de Portugal para consolidar unha Eurorrexión con criterio e voz propia

19 Abril 2017

Feijóo avoga por un polo loxístico, de transporte, turístico, de tecnoloxía e de innovación entre Galicia e o Norte de Portugal para consolidar unha Eurorrexión con criterio e voz propia

- Aposta por potenciar o comercio de proximidade, con promocións conxuntas e coa creación de vínculos entre mercados e prazas de abastos

- Lembra que Galicia e o Norte de Portugal levan 25 anos de colaboración e insiste en que entre os dous territorios lindeiros ten que haber competencia leal e cooperación honesta

- Incide en que “a nosa Eurorrexión” deu un paso decisivo ao superar a idea de que competir e cooperar son termos contraditorios, de que a competencia leal ensombrece as boas relacións entre territorios

 “A nós interésanos que o Norte de Portugal vaia ben e estou seguro de que ao Norte de Portugal tamén lle interesa que Galicia vaia ben”, di, ao que engade que o país veciño é o segundo lugar de exportacións da Comunidade galega

- Subliña que grazas ao modelo de responsabilidade desenvolvido nos últimos anos Galicia é unha comunidade solvente e segura para vivir, para investir e para traballar

- Resalta que o cadro económico dos Presupostos de 2017 prevé para este ano un crecemento do PIB do 2,4% e a creación de 20.000 novos empregos

 

Porto (Portugal), 18 de abril de 2017

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por un polo loxístico, de transporte, turístico, de tecnoloxía e de innovación entre Galicia e o Norte de Portugal para consolidar unha Eurorrexión “con criterio e voz propia” dentro do Comité das Rexións.

Así, durante un encontro coa dirección da Asociación Comercial de Porto, o titular do Goberno galego apostou nun primeiro termo por potenciar o comercio de proximidade, con promocións conxuntas e coa creación de vínculos entre mercados e prazas de abastos para o intercambio de produtos locais. E, no eido da industria 4.0, suxeriu crear grupos de traballo e cooperación entre empresas e centros tecnolóxicos e de investigación, “que permitan mellorar a competitividade das nosas industrias”.

No ámbito da innovación, Feijóo recordou que a Estratexia de innovación e desenvolvemento transfronteiriza (RIS3T) aspira mobilizar 360 millóns de euros en proxectos de innovación ata 2020. E salientou que a primeira convocatoria do Programa Interreg (Poctep) recibirá 90 millóns de euros dos 243 millóns asignados para toda a fronteira hispano-portuguesa, o que permitirá desenvolver durante os próximos meses 45 proxectos innovadores.

O responsable do Executivo autonómico subliñou que Galicia e o Norte de Portugal levan 25 anos de colaboración, demostrando que a superación de fronteiras e a substitución de muros por pontes é unha opción de éxito, como proba, por exemplo, a cooperación no eido local, a través das eurocidades Verín-Chaves e Tui-Valença; en materia de universidades, co programa Iacobus, e tamén en campos como o medio ambiente, coa xestión conxunta do Parque Natural Transfronteirizo Gerês-Xurés.

“Hoxe temos, practicamente, un mesmo territorio cunha fronteira inexistente porque temos infraestruturas que vertebran as vilas e provincias fronteirizas; estamos colaborando no eido universitario e da investigación, e temos en consecuencia un territorio europeo que pertence a dous países —España e Portugal— con 6 millóns de habitantes”, abundou, facendo fincapé en que entre os dous territorios lindeiros ten que haber competencia leal e cooperación honesta.

Feijóo incidiu en que “a nosa Eurorrexión” deu un paso decisivo ao superar a idea de que competir e cooperar son termos contraditorios, de que a competencia leal ensombrece as boas relacións entre territorios. “A nós interésanos que o Norte de Portugal vaia ben e estou seguro de que ao Norte de Portugal tamén lle interesa que Galicia vaia ben”, precisou, ao que engadiu que o país veciño é, despois de Francia, o segundo lugar de exportacións da Comunidade galega.

Galicia, unha comunidade solvente e segura
O titular da Xunta concluíu a súa intervención subliñando que grazas ao modelo de responsabilidade desenvolvido nos últimos anos Galicia é unha comunidade solvente e segura: “Segura para vivir, porque ao longo destes anos fomos quen de seguir mellorando os nosos servizos públicos. Segura para investir, porque ser solventes xera confianza e credibilidade a aquel que queira apostar pola nosa terra para emprender. E segura para traballar, xa que estamos logrando que sectores que se viran castigados polas dificultades económicas estean rexurdindo con forza”.

Feijóo afirmou que Galicia é hoxe unha aposta segura por todo iso e sobre todo porque ten futuro, como proban os indicadores económicos. Non en van, o cadro económico dos Presupostos de 2017 prevé para este ano un crecemento do PIB do 2,4% e a creación de 20.000 novos empregos.

Documentos

Ligazóns

Desenrrolado con Drupal