Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

Feijóo proporá unha “fronte común” aos gobernos de Andalucía e Castela a Mancha para defender conxuntamente unha axuda transitoria no próximo presuposto comunitario

26 Xaneiro 2011

Feijóo proporá unha “fronte común” aos gobernos de Andalucía e Castela a Mancha para defender conxuntamente unha axuda transitoria no próximo presuposto comunitario

Bruxelas, 26 de xaneiro de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta tarde, tras manter un encontro co comisario de Política Rexional da Comisión Europea, Johannes Hahn, que proporá ós Gobernos de Andalucía e Castela A Mancha facer unha “fronte común” para defender de forma conxunta a creación dunha axuda transitoria no próximo presuposto comunitario que palíe a previsible saída do obxectivo converxencia das tres comunidades autónomas. A este respecto, Feijóo mostrou a súa “completa satisfacción” tralo encontro con Hahn, que viu “razoable” a proposta de Galicia de lograr unha aterraxe suave e que lle transmitiu o seu “interese e compromiso” en traballar nesa dirección na elaboración dos próximos orzamentos da Unión Europea.

Feijóo trasladoulle ó comisario de Política Rexional que para Galicia é necesario que, en lugar dunha redución abrupta dos fondos, se cree un sistema de transición que garanta unha “rede de seguridade” que permita continuar o crecemento económico da comunidade galega no vixente exercicio comunitario, no que alcanzou case o 89% de converxencia coa media europea.

Ante a receptividade do comisario de Política Rexional na reunión de hoxe e despois de que a Comisión Europea tamén recollese hai uns meses a demanda galega, o presidente da Xunta cre necesario que as comunidades autónomas que deixarán de ser obxectivo converxencia a partir de 2013 traballen de forma coordinada, tanto para lograr o apoio do Goberno español como a aceptación final das autoridades comunitarias.

Na súa opinión, é fundamental que Galicia, Andalucía e Castela A Mancha –que conxuntamente suman máis de 13 millóns de habitantes— unan esforzos para elaborar unha proposta conxunta que permita manter unha porcentaxe importante de fondos europeos a partir de 2013 para garantir unha “aterraxe suave”, así como para conseguir que tamén o Goberno español apoie ás tres comunidades que deixarán de ser obxectivo converxencia na negociación do próximo presuposto da Unión Europea. “É moi importante non soamente que a Comisión estea comprometida, senón que tamén é fundamental que os primeiros ministros tamén estean comprometidos con este deseño”, afirmou.

Ademais dunha axuda transitoria, o presidente da Xunta tamén lle plantexou ó comisario de Política Rexional a necesidade de abrir novas posibilidades de financiamento no ámbito da cooperación transfronteiriza. Neste senso, avanzoulle o contido do ditame que mañá defenderá ante o Pleno do Comité das Rexións e que, precisamente, propón reforzar as Agrupacións Europeas de Cooperación Transfronteiriza e, a través delas, as vías para captar fondos de cooperación territorial. Despois de recordar que hai sete anos que Galicia non defendía un ditame en sesión plenaria do Comité de Rexións, Feijóo concluíu que a comunidade autónoma ve fortalecido o seu liderado no ámbito europeo e, por tanto, a súa capacidade para lograr novas vías de financiamento.

  • O presidente da Xunta reuniuse esta tarde, en Bruxelas, co comisario Johannes Hahn, na sede da Comisión Europea
Desenrrolado con Drupal