Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

Galicia lidera un proxecto de transferencia de nanotecnología ás pemes innovadoras galegas e do norte de Portugal

23 Marzo 2018

Galicia lidera un proxecto de transferencia de nanotecnología ás pemes innovadoras galegas e do norte de Portugal

- O proxecto NaNOeaters está coordinado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e cofinanciado polo programa europeo POCTEP

- Nunha xuntanza celebrada esta semana deuse a coñecer o estado de desenvolvemento dos casos de uso da nanotecnoloxía que cada socio está a levar cabo para logo probar en empresas galegas e portuguesas.

- Na iniciativa participan o Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía de Braga (INL), as universidades de Vigo e Santiago de Compostela, os centros tecnolóxicos Gradiant, AIMEN e CTAG e a Fundación Biomédica Galicia Sur.

Santiago de Compostela, 18 de marzo

NaNOeaters é un proxecto que lidera Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) para a transferencia de nanotecnología ás pemes innovadoras galegas e do norte de Portugal e no que participan o Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía de Braga (INL); as universidades de Vigo e Santiago de Compostela; os centros tecnolóxicos Gradiant, AIMEN e CTAG; e a Fundación Biomédica Galicia Sur.

“O proxecto NaNoeaters destaca como un exemplo do interese e da relevancia do traballo científico que se desenvolve nos laboratorios das universidades e dos centros tecnolóxicos da Eurorrexión para aportar solucións efectivas ás empresas”, destacou a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, na benvida aos socios participantes na reunión de coordinación para esta iniciativa, que se celebrou esta semana na sede de Gain, en Santiago.

O obxectivo principal desta actuación, que se enmarca na Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, é o desenvolvemento de produtos e servizos aptos para a explotación comercial por parte do tecido empresarial galego e portugués a partir das capacidades e recursos dos centros de investigación e tecnoloxía no ámbito da nanotecnoloxía e da Industria 4.0. O fin último é incrementar a competitividade do tecido empresarial de Galicia e, por ende, da economía, grazas á transferencia efectiva de coñecemento ao mercado.

O proxecto de transferencia e valorización da nanotecnoloxía a pemes innovadoras da Eurorrexión está cofinanciado polo Programa Operativo Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) e conta cun orzamento de máis de 4 millóns de euros.

Casos de uso

No marco da reunión celebrada, os socios implicados deron a coñecer o estado de desenvolvemento dos casos de uso que están desenvolvendo para logo probar a través de demostradores ou proxectos piloto en pemes innovadoras da Eurorrexión. Os usos abarcan ámbitos moi diversos: desde a medicina ata automoción, pasando polo sector agroalimentario.

Os dez proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que se están a realizar no marco de NANOeaters son os seguintes: desenvolvemento de novos biomarcadores para o diagnóstico de cancro colorrectal mediante estratexias baseadas en nanotecnoloxía; detección temperá da fibrose; desenvolvemento de biosensores para a caracterización e tipificación do aceite de oliva virxe extra; a fabricación de sensores para detección de biotoxinas mariñas; desenvolvemento dunha nova xeración de sistemas de iluminación LED aplicando nanomateriais e técnicas nanofotónicas; desenvolvemento dun sistema para o monitoreo da presión intraocular; método de detección rápida de toxinas en moluscos e peixe; desenvolvemento dun sensor de ultra baixo consumo con capacidade para comunicacións; estudo e aplicación de tecnoloxías capacitativas en elementos Interfaz Home-Máquina do vehículo; e posta en marcha de tecnoloxías de microfabricación e nanoestruturado para personalizar dispositivos nanofluídicos.

Para dar a coñecer o proxecto, así como os distintos casos de uso ante pemes potenciais usuarias destas tecnoloxías están levándose a cabo unha serie de xornadas, os NANOeaters Day. O vindeiro será o 22 de marzo en Gradiant.
 

Documentos

Ligazóns

Desenrrolado con Drupal