Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

Galicia-Norte de Portugal e a cooperación de proximidade en 2017.

29 Marzo 2017

Galicia-Norte de Portugal e a cooperación de proximidade en 2017.

Vigo, 16 de marzo de 2017

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal continuará fomentando a cooperación territorial de proximidade ao longo de 2017. Este obxectivo forma parte das liñas xerais de actuación futura aprobadas hoxe pola asemblea desta Agrupación de Cooperación Territorial (AECT), que tamén deu o visto bo ao plan de actividades e orzamento do 2017, así como ás contas e ao informe de actividades do ano pasado.

A xuntanza tivo lugar esta mañá en Vigo e nela participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias.

Entre as actividades previstas para 2017, destaca a continuación do programa de intercambio académico Iacobus; a realización do 5º Job Day, dedicado ao sector TIC (e que conta, actualmente, con 146 ofertas de emprego e 14 empresas de Galicia e Norte de Portugal); a realización do I Encontro de cooperativas da Eurorrexión; a continuidade do proxecto Nortear; e a colaboración de cara á preparación do XI Plenario da comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal.

Ademais dos novos obxectivos, durante a xuntanza tamén se fixo balance do realizado ao longo do 2016. Ao respecto, púxose en valor o lanzamento da convocatoria do programa Iacobus, a través da nova plataforma informática que se desenvolveu para esta e futuras edicións. Ao abeiro desta iniciativa, seleccionáronse 137 participantes de universidades galegas (profesores, investigadores e persoal administrativo e de servizos). O seu obxectivo é fomentar a cooperación e mobilidade académica entre as universidades e centros de ensino superior da Eurorrexión.

Tamén se destacou a celebración en 2016 do 4º Job Day, que se dedicou ao sector forestal; así como o II Encontro de incubadoras da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que permitiu afondar na cooperación empresarial. No eido cultural, lembrouse a convocatoria da II edición do Premio literario Nortear; e tamén se resaltou a sinatura do protocolo de cooperación entre os municipios de Arteixo e Vila Nova de Famalicao.
 

 

Imaxes relacionadas

Documentos

Ligazóns

Desenrrolado con Drupal