Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

II FEIRA DE EMPREGO XURÍDICO

22 Setembro 2017

II FEIRA DE EMPREGO XURÍDICO

Do 26 de setembro ao 5 de outubro: Inscrición no Foro de Emprego

Ábrese este segundo prazo de inscrición para as persoas que desexen asistir ao Foro de Emprego e Práctica Xurídica e non realizasen a inscrición conxunta.

Do 7 ao 26 de outubro: Inscrición na Feira de Emprego Xurídico

Ábrese este terceiro prazo de inscrición para as persoas que desexen asistir á Feira de Emprego Xurídico e non realizasen a inscrición conxunta.

A cita está organizada pola Facultade de Dereito do campus

A II Feira de Emprego Xurídico Galicia-Norte de Portugal celebrarase o 27 de outubro

Rosa Tedín | Ourense
O pasado curso, a Facultade de Dereito do campus de Ourense puxo en marcha de xeito pioneiro Orienta Iuris, a primeira feira de emprego especializada no ámbito xurídico en Galicia e Norte de Portugal. Polo bos resultados acadados nesa primeira edición e co obxectivo de consolidarse como punto de encontro de estudantes, titulados e profesionais do mundo do dereito, o centro vén de anunciar a celebración da súa segunda edición o día 27 de outubro. Como anticipo a esa cita e preparación para ela, desenvolverase un programa de accións formativas para os inscritos que arrancará o vindeiro 25 de setembro. 

Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, foron os encargados este venres de dar os detalles desta II Feira de Emprego Xurídico Galicia-Norte de Portugal, na que tamén colabora o Consello Social da Universidade de Vigo. Lembrando como “a primeira edición foi un éxito tanto polo número de estudantes como de despachos e entidades participantes”, Virxilio Rodríguez salientou como esta iniciativa “vai na nosa liña de acompañar ao estudante alén da súa formación curricular” xerando “oportunidades de traballo e empregabilidade” para os futuros titulados e tituladas. Do mesmo xeito, o vicerreitor do campus destacou como “o escaparate” desta feira permite á Universidade “amosar aos axentes do sector as potencialidades desta facultade e dos seu alumnado”. 

Pola súa banda, a decana da Facultade de Dereito subliñou como Orienta Iuris xurdiu da necesidade de non só “ofrecer unha formación xurídica sólida aos nosos alumnos e alumnas” senón tamén “competencias e habilidades que hoxe en día demanda o mercado”. O obxectivo último da iniciativa, apuntou, é orientar aos estudantes sobre as numerosas saídas profesionais que teñen “e das que non sempre son coñecedores”; axudarlles a enfocar o seu perfil profesional e a realizar unha busca activa de emprego e fomentar finalmente a empregabilidade e a realización de prácticas preprofesionais. A feira, recalcou Marta Fernández, quere “facer un labor de intermediación, ser un espazo para facilitar o encontro entre estudantes, egresados e entidades públicas e privadas”. 
 
Tres actividades
Orienta Iuris, indicouse na súa presentación, está dirixida fundamentalmente ao alumnado de Dereito, coa finalidade de orientalos e axudarlles a definir o seu futuro profesional e a coñecer os programas de formación e carreira que ofrecen institucións, despachos e consultoras. Tendo en conta este reto, a feira estrutúrase arredor de tres actividades que se desenvolven de forma sucesiva. A primeira, orientada á formación dos estudantes, consiste nun obradoiro práctico virtual de 15 horas de duración que se desenvolverá do 25 de setembro ao 5 outubro baixo a dirección de Reyes Fernández, técnica superior de Orientación Laboral da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo. Nel, os inscritos aprenderán a elaborar o seu currículo e a deseñar estratexias para a busca activa de emprego.

Seguiralle unha segunda actividade, de nove horas de duración e titulada Foro emprego e práctica xurídica, que se desenvolverá o día 6 de outubro na propia facultade. Ao longo dunha xornada de mañá e tarde, os inscritos terán a oportunidade de coñecer de primeira man diferentes perfís laborais. Profesionais que colaboran co centro presentarán nesta sesión diferentes saídas profesionais e levaranse a cabo dinámicas grupais de entrevistas de selección. A sesión arrancará afondando nas características específicas do currículo e da entrevista de traballo no eido xurídico e continuará cunha mesa sobre a profesión xurídica na que estarán, entre outros, Leonardo Álvarez, xuíz decano de Ourense; José Antonio Hernández Corchete, letrado do Tribunal Constitucional; José Manuel Ucha, fiscal de Menores da Audiencia Provincial de Ourense, e Isabel Louro, decana do Colexio Notarial de Galicia. Ademais, neste foro haberá unha conferencia sobre o emprego e a selección de persoal na Unión Europea. 

Toda esta actividade previa culminará coa celebración o día 27 de outubro, na aula magna da Facultade de Dereito do campus, da II Feira de Emprego Xurídico Galicia-Norte de Portugal. A súa programación arrancará cun almorzo no que egresados e egresadas do centro falarán das actitudes e aptitudes que marcaron a súa traxectoria profesional. Durante a feira, despachos de avogados e outras empresas disporán de postos nos que as persoas interesadas terán a oportunidade de presentar o seu curriculum e someterse a probas de selección para incorporarse en prácticas ou traballando a entidades e despachos referentes no sector xurídico e empresarial.

 

Desenrrolado con Drupal