Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

A nova exposición do programa galego-portugués Nortear reivindica a liberdade da palabra

15 Maio 2017

A nova exposición do programa galego-portugués Nortear reivindica a liberdade da palabra

Santiago de Compostela,15 de maio de 2017

O proxecto Libertas confórmano sete instalacións artístico-fotográficas dedicadas a outros tantos escritores e activistas en prol dos dereitos humanos

Organizada polo Centro PEN Galicia, a mostra foi inaugurada hoxe polo secretario xeral de Cultura no Museu de Alberto Sampaio de Guimarães
 

Guimarães (Portugal), 12 de maio de 2017.- O valor da palabra e da expresión creativa é o fío condutor de Libertas, o novo proxecto expositivo que ve a luz no programa Nortear para o intercambio cultural entre Portugal e Galicia, impulsado polo Goberno galego, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea para la Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.

Esta nova exposición exhíbese no Museu Alberto Sampaio de Guimarães, onde foi inaugurada esta tarde no marco dun acto que contou coas intervencións de representantes das diversas institucións promotoras e no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou o “pracer de poder abrir hoxe as portas desta mostra artística e literaria, coa idea de fondo da liberdade e da necesidade de reivindicarmos de maneira permanente ese lugar de encontro irrenunciable e universal que deben ser os dereitos humanos”.

Instalacións fotográficas

A través de sete instalacións artístico-fotográficas, a mostra, organizada polo Centro PEN Galicia e coordinada polo seu director, Xabier Castro, réndelles homenaxe a outros tantos escritores e activistas a prol dos dereitos humanos como Xosé Luís Méndez Ferrín, Federico García Lorca, Orhan Pamuk (Turquía), Jude Dibia (Nixeria), Susana Chávez (México), Ángel Cuadra (Cuba) e Lio Xiaobo (China).

Olegário Sampedro é o responsable da montaxe artística da exposición Libertas, que se completa con sete textos que acompañan cada unha das instalacións, xunto cunha proposta didáctica para o traballo na aula posterior á visita da mostra.

A exposición nace no marco do programa Nortear, no cal se desenvolven, segundo recordou Anxo Lorenzo, diversas iniciativas culturais, nomeadamente no campo da literatura, como o Premio Literario Nortear, dirixido á mocidade escritora para incentivar a creatividade literaria en Galicia e Portugal, e o Ciclo de Conversas Nortear, nun formato de diálogo entre escritores, en diferentes cidades de Galicia e do país veciño.

Conexións culturais e lingüísticas

Respecto deste camiño de diálogo e de cooperación cultural co ámbito lusófono, Anxo Lorenzo referiuse á creación en 2014 dun novo marco legal, a Lei de aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz-Andrade, “que nos está a abrir portas que nunca deberían estar pechada, dadas as conexións culturais e lingüísticas que temos os dous pobos”.

Intercambio expositivo galego-portugués

Co fin de favorecer o diálogo galego-portugués a través da cultura, o programa Nortear vén promovendo desde a súa posta en marcha un intercambio de proxectos expositivos galegos, para a súa exhibición no norte do país veciño, e de propostas portuguesas, que se poden ver na comunidade galega.

 

Documentos

Ligazóns

Desenrrolado con Drupal