Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

O presidente da Xunta foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro

15 Decembro 2017

O presidente da Xunta foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro

Santiago, 15 de diciembre de 2017

Feijóo avoga por seguir avanzando cara á consecución dunha Eurorrexión eficiente, vertebrada e comprometida co crecemento e a dinamización demográfica-

Aposta polo fomento e o desenvolvemento de proxectos a prol da innovación e a competitividade empresarial, tal e como marcan as liñas estratéxicas das institucións comunitaria

- Destaca a necesidade - de de impulsar a chamada cooperación de proximidade, “ou o traballo en favor da cidadanía da Eurorrexión”

- Propón a proxección da Eurorrexión cara ao exterior, tanto na captación de investimentos, como no desenvolvemento dunha estratexia exterior conxunta no eido cultural e empresarial

- Expón a importancia da competencia leal entre Galicia e o Norte de Portugal; e insiste en que a lealdade fará que sexamos complementarios e que o crecemento dun implique tamén o crecemento para o outro

- Subliña que é Europa a que fai posible que as pontes entre Galicia e o Norte de Portugal se multipliquen e ambas as dúas identidades se enriquezan mutuamente

- Lembra que Galicia e o Norte de Portugal comparten unha das fronteiras máis antigas de Europa, e tamén unha das fronteiras máis ficticias e porosas

- Vila Real (Portugal), 14 de decembro de 2017

  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por, desde a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, seguir avanzando cara á consecución dunha Eurorrexión eficiente, vertebrada e comprometida co crecemento e a dinamización demográfica.

Durante o acto no que foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Feijóo aseverou que para falar dun espazo xenuinamente común, é imprescindible ter unhas conexións que faciliten a mobilidade da poboación que, á súa vez, axudarán a potenciar a innovación e o crecemento económico. “E a vertebración do territorio e o crecemento económico contribuirán a avanzar cara ao obxectivo estratéxico da dinamización demográfica e o envellecemento activo”, abundou, insistindo en que a Eurorrexión vai reclamar sempre ante Europa que a demografía e o envellecemento activo sexan unha prioridade política que se reflicta nas políticas de cohesión.

Para acadar estes obxectivos, o titular da Xunta subliñou a necesidade de orientar as actividades da comunidade de traballo nunha tripla dirección: o fomento e o desenvolvemento de proxectos e propostas a prol da innovación e a competitividade empresarial, tal e como marcan as liñas estratéxicas das institucións comunitarias; o impulso da chamada cooperación de proximidade, “ou o traballo en favor da cidadanía da Eurorrexión”; e a proxección da Eurorrexión cara ao exterior, tanto na captación de investimentos, como no desenvolvemento dunha estratexia exterior conxunta no eido cultural e empresarial.

Traballo coordinado e competencia leal

O presidente do Goberno galego matizou, ademais, que estes obxectivos previstos non se poden acadar sen o traballo coordinado entre o persoal e as autoridades tanto da Xunta como da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, xunto cos concellos da Eurorrexión –e nomeadamente as eurocidades- e, naturalmente, coas administracións centrais de España e de Portugal.

Así mesmo, expuxo a importancia da competencia leal entre Galicia e o Norte de Portugal, xa que “a competencia é un importante incentivo para sacar o mellor de nós”, dixo, insistindo en que a lealdade fará que sexamos complementarios e que o crecemento dun implique tamén o crecemento para o outro.

Ademais dos investimentos centrados no crecemento intelixente, na innovación e no futuro, a través da convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), Feijóo salientou que hai outros moitos eidos nos que Galicia e o Norte de Portugal seguirán traballando conxuntamente, entre os que destacou: o institucional e académico, e o lingüístico.

Así, precisou que ata o ano 2019 a Eurorrexión xestionará un proxecto do programa Interreg, un instrumento europeo pensado especialmente para rexións fronteirizas, cuxos eixos son: a mellora da capacidade institucional; o crecemento sólido e sostido dos sectores económicos que redunde na calidade de vida da poboación; e a creación dun espazo común entre as universidades e os centros de ensino superior da Eurorrexión, cunha mención especial ao programa Iacobus.

Feijóo referiuse tamén á Lei Paz Andrade, que seguirá a ter unha relevancia singular. Non en van, os seus propósitos resúmense na presenza do idioma de Luis de Camoes en ámbitos académicos, profesionais e administrativos de Galicia, sen esquecer a presenza da realidade galega na RTP e da realidade portuguesa na Televisión de Galicia. E mencionou a inclusión como observador do Consello da Cultura Galega na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, así como a presenza de Santiago de Compostela na rede de cidades lusófonas.

Europa, fogar común onde poder sumar identidades

Se ben a Eurorrexión puido ficar nunha fase meramente declarativa, Feijóo resaltou que en ambos os territorios sempre existiu unha vontade firme de que fose unha ferramenta eficiente. “Na nosa Eurorrexión conflúen varios afluentes”, afirmou, subliñando: o desexo popular por transcender fronteiras arbitrarias; o impulso de pensadores, artistas e intelectuais que se esforzaron por tecer complicidade entre ambos os dous lados da liña divisoria; a decisión de España e o Portugal democráticos de reencontrarse na liberdade; e a existencia de Europa como marco propicio para as novas realidades, reconciliacións e encontros.

“Xorde así un espazo que rolda os 6,5 millóns de habitantes, no que Galicia é a primeira comunidade española cliente de Portugal e a terceira provedora e no que a Rexión Norte de Portugal é o segundo cliente de Galicia. Un espazo, en definitiva, dotado dunha superficie superior ao de varios socios comunitarios e que forma un mercado atractivo dabondo para empresas propias e alleas”, precisou.

Ademais de recordar os primeiros pasos da Europa rexional e transfronteiriza, Feijóo aproveitou a súa intervención para manifestar a súa fe nela; “na Europa que reconcilia moitos pobos, e a outros como os nosos, que nunca deixaron de estar conciliados, proporciónalles un fogar común onde poder sumar identidades e ser galegos, españois, portugueses e europeos sen traumas nin rupturas”.

Ao respecto, lembrou que será Europa a que faga posible que as pontes entre Galicia e o Norte de Portugal se multipliquen e ambas as identidades se enriquezan mutuamente. “Europa crea un patriotismo aberto sen canons nin ortodoxias, semellante ao que anhelaban os nosos arraianos”, sentenciou, incidindo en que Galicia e o Norte de Portugal comparten unha das fronteiras máis antigas de Europa, e tamén unha das fronteiras máis ficticias e porosas.

Documentos

Ligazóns

Desenrrolado con Drupal