Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

O presidente da Xunta realizará unha visita oficial a Portugal para abordar asuntos de especial interese para Galicia

06 Febreiro 2018

O presidente da Xunta realizará unha visita oficial a Portugal para abordar asuntos de especial interese para Galicia

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe en Lisboa con varios representantes do Goberno portugués para seguir avanzando en varios destes asuntos.
  • A mellora do tren que une Vigo e Porto e a defensa común do Corredor atlántico de mercadorías foron algúns dos temas que centraron os encontros de hoxe.
  • Acordouse tamén realizar unha cimeira entre industrias galegas e portuguesas e seguir tecendo redes de colaboración en turismo.

Lisboa (Portugal), 5 de febreiro de 2018

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizará unha visita oficial a Portugal a partir do mes de abril para afondar en distintas liñas de colaboración que son de especial interese para Galicia.

Así o avanzou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa visita a Lisboa, durante a que se reuniu cos secretarios de Estado de Infraestruturas e de Industria.

Durante o seu encontro co secretario de Estado de Infraestruturas, Guilherme d’Oliveira, abordaron a mellora do tren que une Vigo e Porto. Segundo trasladou o goberno portugués, no ano 2019 rematarán as obras que están realizando na súa parte. Deste xeito, poderase contar cun tren moderno e adecuado ás importantes relacións económicas e sociais que unen Galicia e Portugal.

Outro tema fundamental que se abordou no eido das infraestruturas foi o Corredor atlántico de Mercadorías. Galicia trasladou a importancia da implicación de Portugal á hora de defender a inclusión de ambas rexións nas grandes redes europeas de transporte comercial, que non só beneficiará ás comunidades españolas do norte, senón tamén ao norte de Portugal. O goberno portugués transmitiu o seu apoio á iniciativa, unha colaboración que será fundamental a nivel europeo.

Pola súa banda, na xuntanza coa secretaria de Estado de Industria, Ana Teresa Lehmann, coincidiuse na importancia de seguir estreitando relacións entre as empresas galegas e portuguesas, moitas delas punteiras nos seus ámbitos. Esta colaboración xa se vén demostrando como moi beneficiosa a través dos clúster que xa se están formando e daqueles que se propoñen en sectores tan relevantes como a automoción, o téxtil, ou as novas tecnoloxías. Precisamente para seguir cooperando e traballando en rede, propúxose unha cimeira entre industrias e empresas galegas e a portuguesas para afondar nesta colaboración.

Tamén se apuntou a necesidade de seguir colaborando en materia de turismo, aproveitando que Galicia e tamén Portugal son importantes polos de atracción turística.

O obxectivo é seguir afondando en todos estes temas na próxima visita do presidente da Xunta, sempre en coordinación co Goberno de España, pero tomando a iniciativa naqueles asuntos como estes que son de especial relevancia para a comunidade autónoma.

Documentos

Ligazóns

Desenrrolado con Drupal