Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

O presidente da Xunta recibirá o luns en Oporto a Presidencia da Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal

30 Xaneiro 2011

O presidente da Xunta recibirá o luns en Oporto a Presidencia da Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal

Santiago, 30 de xaneiro de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibirá o luns en Oporto a Presidencia da Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal de mans do presidente da Comissao de Coordenaçao e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N), Carlos Lage, no marco do IX plenario deste organismo de cooperación, que estará encabezado ata o ano 2013 polo máximo mandatario galego.

No encontro, que terá lugar na Fundación Serralves de Oporto, Feijóo e Lage farán un análise da situación da eurorrexión e un balance das iniciativas de cooperación máis senlleiras postas en marcha por Galicia e o Norte de Portugal, como a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), con sede en Vigo.

Precisamente o presidente galego vén de presentar en Bruxelas o ditame de Galicia sobre as AECT, que foi aprobado polo Comité das Rexións e que abre novas vías de financiamento no ámbito da cooperación transfronteiriza. O ditame Feijóo reforza estas institucións, dótaas de maior seguridade xurídica e mellora a súa operatividade administrativa, de xeito que estean adaptadas ao novo horizonte que se abre a partires de 2014, co novo orzamento comunitario.

Ese novo período orzamentario 2014-2020 e o novo ciclo de políticas comunitarias para a cooperación territorial é outro dos asuntos que se debaterán no plenario da Comunidade de Traballo, nunha reunión á que tamén asistirán os conselleiros de Presidencia e Medio Rural –Alfonso Rueda e Samuel Juárez- e a vicepresidenta do CCDR-N -Teresa Lehman-, entre outros dirixentes de Galicia e do Norte de Portugal.

Outro dos asuntos que estará sobre a mesa no cumio de Serralves é a recente constitución da Macrorrexión entre Galicia, o Norte de Portugal e Castela e León, a primeira do sur de Europa, cuxo memorando de entendemento foi asinado o pasado mes de setembro e que xa ten definidos os seus grupos de traballo en seis grandes áreas.

Así mesmo, no encontro asinaranse protocolos de colaboración entre a Comunidade de Traballo, o Centro de Cooperación Económica Transfronteiriza, a Confederación de Empresarios de Pontevedra e a Asociación Empresarial de Portugal, así como outro entre o Instituto de Conservación da Natureza e Biodiversidade portugués e a Consellería de Medio Rural da Xunta, no ámbito da reserva da Biosfera Gerês- Xurés.

Desenrrolado con Drupal