Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

Rueda destaca que iniciativas como o Observatorio de Cooperación Transfronteiriza fan de Vigo unha referencia na materia

05 Abril 2011

Rueda destaca que iniciativas como o Observatorio de Cooperación Transfronteiriza fan de Vigo unha referencia na materia

Vigo, 5 de abril de 2011.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe pola mañá o Foro da Agrupación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE) sobre Investigación, Desenvolvemento e Innovación nos espazos transfronteirizos da EU, en Vigo, onde destacou que a cidade olívica é xa unha referencia para a cooperación transfronteiriza europea.

No ano 2009, na reunión da Asemblea xeral da Agrupación de Rexións fronteirizas de Europa (ARFE) que tivo lugar en Gante, Galicia e o Norte de Portugal defenderon os intereses da nosa Eurorrexión para buscar unha ampliación dos fondos que a Unión Europea destina á cooperación transfronteiriza, e ofreceron a posibilidade de converter a cidade de Vigo na sede dun observatorio permanente da cooperación transfronteiriza europea, que hoxe faise realidade, cun foro estable que se reunirá na cidade olívica cada dous anos.

Rueda explicou na súa intervención que co aval da ARFE e baixo o manto do Programa Operativo que España e Portugal comparten para acadar o obxectivo, nace o Laboratorio Europeo de Cooperación Transfronteiriza, coma unha estrutura para o análise das experiencias nese ámbito nas rexións da UE, unha ferramenta que nace co obxectivo de analizar e intercambiar información e propostas concretas sobre a cooperación transfronteiriza.

O conselleiro destacou a importancia de seguir avanzando nestes ámbitos de actuacións tan importantes para o benestar dos cidadáns dos territorios da fronteira e para explotar o enorme potencial destas rexións, desenvolvendo proxectos de cooperación que completen o proceso de construción europea. Segundo palabras de Alfonso Rueda, “só a través da intensificación das políticas de cooperación transfronteiriza será posible que os cidadáns sentan a Unión Europea coma un proxecto común que da resposta ás súas necesidades, promovendo a cohesión territorial e dinamizando o proceso de integración europea”.

Durante este Foro, que hoxe da comezo, vanse analizar as oportunidades que se abren para os territorios fronteirizos que intensifiquen a cooperación no ámbito das políticas de investigación, desenvolvemento e innovación, e coñeceranse iniciativas exitosas e proxectos piloto desenvolvidos neste eido específico da cooperación transfronteiriza e que poderían ser exportables a outros territorios da EU, así coma exemplos concretos de boas prácticas nesta materia.

O Foro pechará cunha mesa redonda centrada nalgúns exemplos de estruturas permanentes de cooperación e de integración territorial. Así, abordaranse os exemplos da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal (AECTG-NP) ou a Macrorrexión RESOE, recentemente impulsada pola Xunta de Galicia, a Rexión Norte de Portugal e o Goberno de Castela e León, que representan novidosos marcos de actuación e ferramentas institucionais que abren novas oportunidades para a cooperación transfronteiriza no ámbito europeo.

Galicia foi a primeira comunidade autónoma española en ingresar na ARFE, no ano 1986, e dende entón é un membro moi activo na mesma, facendo valiosas achegas a este foro de discusión ao que pertencen máis de cen membros, entre eles todas as comunidades autónomas limítrofes con Francia e Portugal e a maior parte das rexións transfronteirizas da EU.

Ademais, do conselleiro de Presidencia, o foro contou ca presenza do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, o director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, o secretario xeral da ARFE, Martín Guillermo Ramírez; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; e a vicepresidenta da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, Ana Teresa Lehman.

Documentos

Ligazóns

Desenrrolado con Drupal