Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

A Xunta aposta pola colaboración transfronteiriza para mellorar servizos aos cidadáns

10 Febreiro 2012

A Xunta aposta pola colaboración transfronteiriza para mellorar servizos aos cidadáns

Valença, 10 de febreiro de 2012.- O goberno galego aposta pola colaboración transfronteiriza para mellorar servizos aos cidadáns, polo que no día de hoxe constituíuse a segunda Eurocidade galega entre Tui e Valença.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e os alcaldes de Tui e Valença, Moisés Rodríguez e Jorge Salgueiro, formalizaron esta mañá a constitución da Eurocidade Tui-Valença, coa sinatura dun protocolo de cooperación entre ambos territorios.

Alfonso Rueda destacou que a firma deste protocolo de colaboración se trata dun día grande para ambos territorios e a Eurorrexión que conforman. De aí que, desde un primeiro momento, a Xunta estea a apostar pola cooperación transfronteiriza e por conseguir unha Eurorrexión punteira en Europa, baseada na proximidade e o coñecemento.

Rueda explicou que o Goberno galego, a través da Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal, apoia a cooperación entre concellos e cámaras municipais, co obxecto de fornecer de servizos de calidade aos seus conveciños, especialmente agora cando a necesidade de compartir faise máis necesaria. Esta liña de cooperación é a que está a seguir a Xunta na súa política local, e polo tanto, a marca que lle quere imprimir á Eurocidade. Por iso, desde o Goberno galego seguirase fomentando, axudando e colaborando con todas as propostas que xurdan para mellorar a cooperación a ambos lados da raia.

A segunda Eurocidade galega
A Eurocidade Tui - Valença será a segunda que nace en Galicia, logo da de Verín - Chaves, que foron as primeiras poboacións na fronteira luso-española que acordaron traballar conxuntamente baixo a novidosa fórmula da Eurocidade.

O obxectivo principal da Eurocidade é acadar fórmulas para promover a converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental entre as dúas cidades, de xeito que o “efecto fronteira” deixe de ser un inconveniente para se converter nunha oportunidade de desenvolvemento territorial e socioeconómico, promovendo a utilización de servizos comúns como instrumento dinamizador.

Avogarase por reforzar a cooperación e a mobilidade transfronteiriza para conseguir que os cidadáns teñan unhas administracións e uns servizos mais achegados ás súas necesidades, a través dunha xestión integrada dos recursos.

A Eurocidade Tui-Valença constitúe un expoñente de verdadeiro espazo público eurorrexional, de espazo compartido e próximo aos cidadáns, para que a Eurorrexión sexa percibida pola cidadanía como un instrumento útil e eficaz que mellora a súa calidade de vida e garante un futuro sustentable para as novas xeracións.

A sinatura do protocolo de colaboración desta mañá tivo lugar na antiga Alfándega Cultural de Valença e contou coa presenza da vicepresidenta da Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal, Ana Teresa Lehmann. O recinto alberga unha exposición para conmemorar o XX aniversario da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, composta por 25 paneis despregabres sobre as principais actividades da Comunidade de Traballo nestes vinte anos.

Desenrrolado con Drupal