A Xunta de Galicia ofrece colaboración a Portugal ante os incendios
Santiago de Compostela, 18 de junio de 2017
Propón habilitar prazas nos hospitais galegos, ademais de camións cisterna de auga de gran capacidade e un posto de mando avanzado.
O Goberno galego vén de contactar coas autoridades portuguesas para ofrecerlles colaboración en materia sanitaria e de emerxencias para facer fronte á difícil situación que está a vivir a Rexión Centro do país veciño, debido aos incendios forestais.
A Xunta falou cos responsables da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento da Rexión Norte de Portugal (CCDR-N) para trasladarlles o pesar dos galegos polas ducias de vítimas mortais rexistradas e ofrecerlles o apoio do Goberno autonómico para tentar paliar a situación.
A Vicepresidencia da Xunta ofreceu aos membros da CCDR-N —que xa o trasladaron ao Goberno central luso— o camión do Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias, así como dúas cisternas con capacidade para 25.000 litros de auga, para que poidan servir de apoio aos labores de extinción do lume.
Pola súa banda, a Consellería de Sanidade informou da súa disposición para habilitar prazas para a atención aos feridos nos hospitais galegos, concretamente na UCI e en unidades de queimados de centros hospitalarios da Coruña e de Vigo. O dispositivo sanitario sería coordinado polo 061.
Departamento: Vicepresidencia e C. de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza; C. de Sanidade