Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

A XUNTA INVESTIRÁ EN CATRO PROXECTOS EUROPEOS DIRIXIDOS A PERSOAS MAIORES E Á XUVENTUDE.

06 Xuño 2017

A XUNTA INVESTIRÁ EN CATRO PROXECTOS EUROPEOS DIRIXIDOS A PERSOAS MAIORES E Á XUVENTUDE.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, explicou no Parlamento estas novas accións enmarcadas no programa Interreg V Galicia-Norte de Portugal

- As iniciativas denomínanse “Nutriage”, “Red May”, “Lidera” e “Eurocidade Chaves-Verín”, e a súa execución prolongarase ata o ano 2019

- As dúas primeiras teñen por obxecto mellorar a alimentación e menús nas residencias de maiores e centros de día de titularidade autonómica, así como consolidar unha rede de apoio sociocomunitario aos maiores que viven en contornas rurais

- O programa “Lidera” pretende xerar novas oportunidades laborais entre a mocidade mediante o fomento do autoemprego e o espírito empresarial

- E o proxecto de “Eurocidade Chaves´-Verín” afondará na mellora da colaboración e coordinación entre administracións, institucións e empresas de ambos territorios

 

Santiago, 6 de xuño de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para dar conta da concesión de fondos europeos para a realización de catro proxectos dirixidos a dous segmentos concretos da poboación: os maiores e a xuventude, e cuxas denominacións son “Nutriage”, “Red May”, “Lidera” e “Eurocidade Chaves-Verín”. O orzamento conxunto destas accións ascende a 7,8 millóns de euros, dos cales o 75% son financiados pola Unión Europea ao abeiro do programa de cooperación internacional Interreg V 2014-2020 e no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

No que atinxe ao proxecto “Nutriage”, Rey Varela explicou que esta iniciativa permitirá mellorar a alimentación e menús nas residencias de maiores e centros de día de titularidade autonómica, e que tamén beneficiará aos usuarios do programa Xantar na Casa. “O que procuramos con este proxecto é asegurar aos nosos maiores unha vida saudable e activa tendo en conta un factor determinante como é unha alimentación equilibrada, adaptada ás súas necesidades e fundamentada na dieta atlántica”, indicou.

Ademais, a execución desta intervención está dividida en varias fases. A primeira consistirá no estudo da situación actual, durante a que se avaliará as necesidades, programas e hábitos alimentarios de 1.500 residentes en centros da Xunta de Galicia. A segunda e terceira fases centraranse no deseño de estratexias de intervención nutricional e realizarase unha experiencia piloto durante un ano na que participarán arredor de 300 maiores. A última fase fundamentarase en testar a repercusión que tivo as melloras alimenticias no benestar e na calidade de vida dos maiores, así como en avaliar os beneficios sanitario e social do proxecto.

O programa “Nutriage” conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros e os socios que participantes son, por parte de Galicia: a Xunta, a Universidade e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, o Clúster Alimentario de Galicia e o Centro Tecnolóxico Anfaco-Cecopesca. Por parte de Portugal, os socios do proxecto son a Universidade Católica Portuguesa de Porto, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Portugal Foods e as Casas da Misericordia de Porto e Viana do Castelo.

Rede de apoio no rural
A segunda das intervencións que vén de recibir a concesión de fondos europeos ten a denominación de “Red May”, e ten como finalidade consolidar unha rede de apoio e mantemento comunitario de persoas maiores de 55 anos que residen en municipios de carácter rural. A Consellería de Política Social, a Universidade de Vigo e a Cámara Municipal de Braga son as tres entidades que pilotan este proxecto que conta para a súa execución cun orzamento de 1,1 millón de euros.

O programa contempla a posta en marcha de unidades móbiles de servizos sociais e para a atención a persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas. Estas unidades realizarán itinerarios por distintas localidades con estadías de cinco días en cada unha. Tamén propón a creación de contornas amigables para garantir a permanencia nos fogares e niveis óptimos de autonomía deste segmento da poboación, para o que se definirán liñas estratéxicas en materia de habitabilidade e adaptación de servizos e estruturas.

Rey Varela indicou que estes dous proxectos complementarán os diferentes servizos e programas da Xunta de Galicia, como o servizo de axuda no fogar, a teleasistencia avanzada ou as unidades de atención temperá para persoas con alzhéimer, entre outros. “Con estas iniciativas imos seguir avanzando na consecución dun obxectivo de país: que Galicia sexa o mellor lugar para ser maior”, manifestou.

Asemade, o proxecto “Red May” promoverá un servizo de apoio, información e asesoramento en xestións básicas como as facturas de servizos da auga ou da luz, no tema das receitas médicas ou servizos bancarios, entre outros. E, por último, avoga por avanzar no fogar dixital, actividade destinada a facilitar a vida autónoma das persoas maiores ofrecéndolles atención na súa contorna habitual a través de medios tecnolóxicos que lles permitan un envellecemento activo e previr a dependencia.

Oportunidades para a xente nova
No ámbito de xuventude, os dous proxectos aprobados ao abeiro desta convocatoria do Interreg V son a iniciativa “Lidera”, como catalizadora de oportunidades de emprego e emprendimento da xente nova, e o proxecto Eurocidade Chaves-Verín, como ferramenta de aproximación de Europa aos cidadáns. O primeiro deles ten como finalidade crear as condicións necesarias para a aparición de novas iniciativas empresariais, poñendo o foco nas pequenas e medianas empresas, así como na promoción do espírito empresarial e emprendedor entre a mocidade.

A iniciativa “Lidera” está pilotada pola Xunta, e conta en calidade de socios coa Fundación Galicia-Europa, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Portugués do Deporte e a Xuventude, a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesa e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

O presuposto do programa ascende a 1,4 millóns de euros e as metas principais pasan por facilitar a adaptación e colocación de 500 mozos e mozas que non estean no mercado laboral mediante a mellora da súa empregabilidade, así como promover a posta en marcha de 100 novas iniciativas empresariais. Neste sentido e para conseguir estes obxectivos levarase a cabo unha batería de actuacións: encontros sectoriais, experiencias de mobilidade entre a xuventude galega e a do norte de Portugal, titorías e acompañamento en autoemprego e cursos de formación individualizados, entre outras.

O cuarto e último proxecto que conta co apoio económico da Unión Europea permitirá dar continuidade á Eurocidade Chaves-Verín e conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros. Rey Varela detallou que a finalidade desta acción “é conseguir a mellora da capacidade institucional das autoridades públicas e a eficiencia da administración, a través da promoción da cooperación xurídica e administrativa, así como entre os cidadáns e as institucións”.

Así, no marco deste proxecto se desenvolverán eventos dirixidos á xuventude no ámbito da formación, música, deporte e cultura; programas de termalismo e voluntariado; crearase a tarxeta do eurocidadán, para dinamizar o sector do comercio e servizos; porase en marcha unha rede de información turística; organizaranse misións e xornadas empresariais e tamén actuacións específicas de promoción do emprendemento. Os concellos de Verín e Chaves súmanse como socios a este proxecto, no que participan as mesmas entidades que no “Lidera” agás a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.

O responsable da área Social do Goberno galego insistiu en que con estes catro proxectos cofinanciados pola Unión Europea “teremos a oportunidade de seguir avanzando en dous dos principais retos de país que ten Galicia por diante, como son: continuar mellorando a calidade de vida das persoas maiores, en especial daquelas con dependencia e que residen en contornos rurais; e ofrecer á mocidade novas oportunidades de desenvolvemento persoal e emprego”, concluíu.

 

Documentos

Ligazóns

Desenrrolado con Drupal