Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

A Xunta pon en valor o servizo Eures para favorecer entre os traballadores transfronteirizos un mercado laboral accesible

03 Xuño 2016

A Xunta pon en valor o servizo Eures para favorecer entre os traballadores transfronteirizos un mercado laboral accesible

Braga (Portugal), 3 de xuño de 2016.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Braga no Encontro Sectorial da Industria organizado polo Consello Sindical Galicia-Norte de Portugal, onde puxo en valor o Servizo Eures Transfronteirizo, no que participa a Xunta, para favorecer entre os traballadores do Norte de Portugal e Galicia un mercado de traballo “aberto e accesible”.

Marnotes salientou a importancia de incrementar a cooperación e labor que xa se está realizar entre as oficinas de emprego da Eurorrexión para aumentar as oportunidades laborais das persoas sen emprego. Sinalou que, entre as actuacións que desenvolve o Servizo Eures, resaltan o intercambio de información sobre o mercado laboral de cada zona como é sobre prácticas profesionais e de aprendizaxe ou sobre as condicións de vida e de traballo e as oportunidades para a adquisición de competencias.

O director xeral avogou por seguir fortalecendo os contactos entre os directores e técnicos dos servizos de emprego situados a ambos lados da fronteira para seguir coñecendo a estrutura orgánica e procedementos de traballo “para crear unha verdadeira rede de emprego transfronteiriza”.

O obxectivo é, segundo subliñou Marnotes, mellorar a atención aos empresarios e demandantes de emprego. Ao respecto, o director xeral lembrou que a Xunta, a través da Axenda 20 para o Emprego, está a traballar para seguir a mellorar a eficiencia do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Para iso, esta planificación en materia laboral prevé a posta en marcha dun novo sistema de xestión de calidade e a creación dun novo portal, máis orientado aos servizos.

Así mesmo, Marnotes afirmou que o Goberno galego traballa nun novo modelo de Orientación Laboral Aberta para personalizar e reforzar os servizos que o SPEG ofrece a traballadores e empresarios. Así mesmo, contémplase a formación continua do persoal técnico vinculado a este servizo e a potenciación da atención a empresarios desde as oficinas de emprego e as de apoio á empresa. En definitiva, do que se trata, segundo sinalou Marnotes, é “de seguir traballando para incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e avanzar nos obxectivos que compartimos entre Galicia e o Norte de Portugal”.

Documentos

Ligazóns

Desenrrolado con Drupal