O Comité das Rexións aproba o ditame de Galicia que abre novas vías de financiamento no ámbito da cooperación transfronteiriza
Bruxelas, 27 de xaneiro de 2011.- O Comité das Rexións aprobou, esta tarde, o ditame de Galicia que abre novas vías de financiamento no ámbito da cooperación transfronteiriza. Diante deste feito, Feijóo aseverou, durante a súa intervención no Pleno, que “é unha honra para Galicia que hoxe deamos xuntos un paso máis para facer máis forte e máis beneficiosa para os cidadáns a grande obra europea”.
Na intervención –que pronunciou en galego—e logo de lembrar unhas verbas de Castelao: ‘non lle poñades chatas á obra namentras non se remata. O que pense que vai mal, que traballe n’ela; hai sitio para todos’; afirmou que “Galicia séntese orgullosa de participar hoxe aquí a prol do que pensamos que é bo para os galegos, pero tamén a prol do que reforza o proxecto común europeo”.
O responsable do Goberno galego subliñou que no texto conséguese un equilibrio idóneo, que debe satisfacer ás rexións e localidades transfronteirizas dentro do territorio da Unión, así como ás que manteñan cooperacións transnacionais e interrexionais. “Igualmente asume –engadiu- as necesidades das rexións e localidades que son fronteira exterior da nosa Unión, incluíndo as ultraperiféricas”.
Deste xeito, as autoridades territoriais europeas, sexan setentrionais ou meridionais, orientais ou occidentais, poderán atopar na AECT unha ferramenta proveitosa, da que poderán botar man se así o estiman axeitado. “Desde as Administracións territoriais máis próximas aos cidadáns europeos, temos a posibilidade e o deber de contribuír a que a Unión funcione de maneira máis eficiente. Coa reforma do Regulamento 1082/2006, que defendemos cara ao novo escenario que se abrirá de 2014 en diante, e coa aposta por fortalecer as Agrupacións de Cooperación Transfronteiriza, iso será máis doado de acadar”.
Para Feijóo, o interese e compromiso de Galicia coa institución da AECT, como ferramenta integrante da futura Política da Cohesión, fica ben acreditada. “Non só constituímos xunto con Portugal a primeira AECTs eurorrexional, senón que tamén nos temos implicado axiña no desenvolvemento da propia institución, como proba a implicación que adquirimos desde o primeiro día para que hoxe poidamos estar aquí e aprobar este ditame”.
O presidente da Xunta subliñou que o volume de emendas presentadas denota que estamos diante dun asunto de primeiro nivel. E resaltou que a viveza das achegas será, sen dúbida, un aval incuestionable cando a Comisión europea reciba o Ditame e traslade as súas conclusións ao lexislador da Unión.
Por último, Feijóo agradeceu a contribución feita ao documento polos membros e técnicos do Parlamento Europeo, do Consello e da Comisión europea, “cos que o equipo galego responsable dos traballos mantivo unha rica colaboración”. E, logo dunha mención singular neste capítulo á Presidenta Mercedes Bresso, estendeu o agradecemento aos especialistas dos Estados membros, responsables de organizacións rexionais europeas, autoridades rexionais e locais, profesionais e expertos académicos “que enriqueceron as nosas propostas orixinais”.
Contido do ditame
O ditame aprobado polo Comité de Rexións, que será elevado á Comisión Europea, propón a reforma do regulamento das AECT co obxectivo de reforzalas e, deste xeito, darlles maior capacidade de captación de fondos transfronteirizos. O obxectivo é dotalas dunha maior seguridade xurídica así como mellorar o seu funcionamento e a súa operatividade administrativa, de xeito que estean totalmente adaptadas ó horizonte que se abrirá a partir de 2014, co novo presuposto comunitario.
Entre as modificacións máis salientables, figura a posibilidade de que dentro dos fondos europeos existan estímulos económicos para as Agrupacións de Cooperación Transfronteiriza ou a opción de recoñecer un plus de eficiencia na valoración dos proxectos cando estes se presenten desde as AECT. Do mesmo xeito, o ditame propón simplificar os procedementos de creación destas asociacións de cooperación, regular a idoneidade das AECT para a presentación de proxectos e programas comunitarios ou incorporar ao regulamento de previsións que fagan posible a participación das AECT nas entidades territoriais de terceiros estados veciños.