Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

Inicio

Banner Inicio

A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal foi constituída o 31 de outubro de 1991 ao abeiro do Acordo Constitutivo, elaborado en virtude do Convenio Marco Europeo sobre Cooperación Transfronteiriza entre Comunidades e Autoridades Territoriais do Consello de Europa de 1980, con apoio das Administracións da Unión Europea, Española e Portuguesa. A Xunta de Galicia e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal foron os impulsores deste proceso.

Na actualidade, o Acordo Constitutivo da Comunidade de Traballo foi adaptado, o día 24 de febreiro de 2006, ás disposicións do Tratado entre o Reino de España e a República Portuguesa sobre Cooperación Transfronteiriza entre Entidades e Instancias Territoriais do 30 de outubro de 2002, cuxa entrada en vigor se produciu o 30 de xaneiro de 2004.

A Comunidade de Traballo foi creada coa finalidade de favorecer unha dinámica de encontros regulares entre Galicia e o Norte de Portugal, para tratar asuntos de interese común, intercambiar informacións, coordinar iniciativas e examinar as posibilidades de solucionar os problemas comúns ou de contribuír á súa solución por medio de acordos, de decisións tendentes a unha solución coordinada, ou de recomendacións e propostas ás autoridades competentes, así como a elaboración e presentación de proxectos de cooperación conxuntos.

A constitución da Comunidade de Traballo supón a consolidación dunha frutífera etapa de relacións entre Galicia e o Norte de Portugal, tanto a nivel de Iniciativas Comunitarias Transfronteirizas coma a un nivel máis amplo que abrangue as relacións interrexionais.

A Presidencia da Comunidade de Traballo é asumida alternativamente polo Presidente da Xunta de Galicia e polo Presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, por períodos de dous anos.

A Comunidade de Traballo está formada, na actualidade, por 9 Comisións:

• Catro Comisións Sectoriais (Desenvolvemento Sostible e Planeamento, Desenvolvemento Económico e Turismo, Innovación e Eficiencia Enerxética e Cidadanía);
• Catro Comunidades Territoriais de Cooperación (CTC do Val do Miño, CTC do Val do Limia, CTC do Val do Támega e CTC do Val do Cávado) que agrupan institucións de ambos os dous lados da fronteira: Cámaras Municipais portuguesas, Concellos e Deputacións Provinciais de Galicia;?
• Unha Comisión específica, constituída polo Eixe Atlántico do Noroeste Peninsular, que se ocupa da política urbana das cidades que forman parte deste.
 

Desenrrolado con Drupal