Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

Asinado o programa de intercambio universitario ‘Iacobus’, que converte a Eurorrexión na primeira en contar cun plan de mobilidade académica propio

11 Abril 2014

Asinado o programa de intercambio universitario ‘Iacobus’, que converte a Eurorrexión na primeira en contar cun plan de mobilidade académica propio

Vigo, 11 de abril de 2014.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asistiu hoxe á sinatura do convenio para poñer en marcha o programa de intercambio universitario ‘Iacobus’ no seo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se converte deste xeito na primeira en contar cun plan de mobilidade académica propio.

O mandatario galego explicou que esta iniciativa, organizada pola Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e que xestionará a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), está orientada a fomentar a mobilidade de investigadores, profesores e persoal administrativo do espazo universitario luso-galaico para promover a posta en común de proxectos formativos e de divulgación científica.

O ‘Iacobus’, dixo, comezará no vindeiro curso académico 2014/15, e sitúa en primeira liña as tres universidades galegas, a de Santiago, a da Coruña e a de Vigo; catro universidades portuguesas, a do Porto, a do Minho, a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, e a Universidade Católica Portuguesa; e catro institutos politécnicos de Portugal, o do Porto, o de Viana do Castelo, o de Bragança, e o Instituto Politécnico do Cávado e do Ave. Xunto a eles, colaborará, tamén, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), que abrangue a rede universitaria deste ámbito territorial galego e portugués.

Feijóo apuntou que, ao abeiro deste programa organizaranse cursos de posgrao e máster; celebraranse seminarios, conferencias, coloquios ou xornadas; poderán editarse publicacións e proxectos científicos e de cooperación educativa; e facilitarase o intercambio de información e documentación entre os centros universitarios de ambos os dous territorios.

Un modelo europeo de cooperación interuniversitaria
O presidente da Xunta considerou que este programa pode ser “un modelo europeo de cooperación interuniversitaria” porque, de feito, ningunha outra Eurorrexión da Unión Europea conta cun programa de mobilidade académica propio. Sinalou, ademais, que o seu nome recolle o espírito multicultural do Camiño de Santiago para facer precisamente da educación e da cultura un espazo de integración transfronteiriza e cohesión territorial.

O mandatario galego remarcou que o programa ‘Iacobus’ encaixa dentro dos obxectivos do primeiro Plan de investimentos conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que será o fío condutor do vindeiro período comunitario 2014-2020

Desenrrolado con Drupal