Logo UE FEDER
Logo Cooperacion transfronteiriza

Feijóo resalta “o orgullo de que Galicia se volva facer escoitar en Europa” ao presentar un ditame no Comité das Rexións despois de sete anos sen facelo

27 Xaneiro 2010

Feijóo resalta “o orgullo de que Galicia se volva facer escoitar en Europa” ao presentar un ditame no Comité das Rexións despois de sete anos sen facelo

Bruxelas, 27 de xaneiro de 2010.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou esta mañá, na comparecencia conxunta coa presidenta do Comité de Rexións da UE, Mercedes Bresso, “o orgullo” de que Galicia se volva facer escoitar en Europa e así recordou que “Galicia levaba sete anos –desde 2003- sen presentar un ditame no Comité das Rexións e creo que é bo que nos volvésemos facer escoitar”.

“Por un lado contribuímos a acercarnos ao obxectivo de que a transición da perda de fondos europeos non sexa tan abrupta” e “asumimos que en 2014 deixaremos de ser obxectivo 1 da Unión Europea; pero non podemos pasar a ser obxectivo cero” e, engadiu, “en segundo lugar, volvemos enviar a mensaxe que demostramos desde hai anos a través da eurorrexión e máis recentemente a través da macrorrexión: unha mensaxe de cooperación en Bruxelas, que sen dúbida se verá reforzada cando este ditame prospere e se aprobe definitivamente”. Feijóo parafraseou a Jacques Delor, que dicía que Europa non só é froito da historia e da necesidade senón, sobre todo, froito da vontade, para explicar “por qué os galegos queremos estar alí onde existe a posibilidade de edificar Europa sobre piares máis sólidos”.

Con este ditame sobre as AECTs, e segundo aseverou o presidente autonómico, Galicia confirma que “sempre fomos un referente en materia de cooperación territorial e queremos seguir séndoo: por vocación, porque Galicia sempre foi pioneira en cooperación territorial, desde os primeiros pasos da Eurorrexión que integramos xunto con Portugal ata a posta en marcha dunha das primeiras AECTs de Europa, o pasado mes de febreiro na cidade de Vigo; e por necesidade, porque a situación actual esixe unha cooperación cada vez máis intensa entre as distintas rexións que formamos Europa e unha actitude aberta, comprometida e proactiva nas institucións europeas”.

Fortalecer o papel das rexións a través da reforma do regulamento das AECT
No tocante ao ditame, Feijóo explicou que o documento permite fortalecer o papel das rexións porque supón reforzar un instrumento fundamental para elas como son as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT). Así, e a modo de exemplo, destacou que o texto inclúe a idea de que dentro dos fondos europeos, existan estímulos económicos para as AECT; e formula a posibilidade de recoñecer un plus de eficiencia na valoración de proxectos cando conleven a creación dunha AECT.

“Así mesmo, proponse simplificar os procedementos de creación das AECTs a través dunha maior coordinación das respectivas autorizacións nacionais; regular a idoneidade da AECT para a presentación de proxectos en convocatorias e programas comunitarios; e a incorporación ao Regulamento de previsións que fagan posible a participación en AECT de entidades territoriais de terceiros estados veciños”.

Deste xeito, Feijóo reiterou que a cooperación transfronteiriza abre novas posibilidades de financiamento “que non podemos desaproveitar”. E referiuse, novamente, á importancia da reforma do regulamento das AECT, para poder cumprir dous grandes obxectivos: dotar de maior seguridade xurídica ás AECT e mellorar o seu funcionamento e a súa operatividade administrativa, xa que só así será posible aproveitar ao máximo as sinerxías dos territorios fronteirizos; e, en segundo lugar, lograr que estean totalmente preparadas para o horizonte que se abrirá en Europa a partir de 2014, coa entrada en vigor dos novos presupostos comunitarios.

Segundo Feijóo, o feito de que as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial sexan instrumentos de xestión máis precisos e eficientes favorece á política de cohesión: “favorece á propia Unión e a todos os contribuíntes europeos, que poden así ver optimizados uns recursos financeiros sometidos ás limitacións que a crise impón, sen deixar por elo de avanzar na integración comunitaria; favorece aos propios beneficiarios finais deses recursos, que terán a posibilidade de disfrutar dos réditos dunha planificación conxunta de proxectos e programas, co respaldo europeo desde a mesma fase de arranque; e, favorece á propia concepción da Política de Cohesión, que afianzará o seu rol de política pública preferente, complementaria incluso da Política Económica que a Unión debe consolidar e mellorar”.

Plataforma de seguimento das AECT como órgano de apoio e asesoramento
En todo este proceso, o presidente da Xunta subliñou que o Comité das Rexións desempeña un importante papel, “e por iso desde o primeiro momento suxerimos a conveniencia de poñer en marcha unha Plataforma de seguimento das AECT, que levaría a cabo unha avaliación permanente da implementación desta normativa e da súa execución, facilitando o intercambio de experiencias e outorgando unha maior visibilidade a este instrumento”. Así mesmo, amosouse convencido de que esta Plataforma será un órgano clave na tarefa de apoio e asesoramento ás AECT.

A través deste ditame, que se aprobará nas vindeiras horas, Feijóo afirmou que Galicia, en definitiva, está aportando, con espírito construtivo, ideas para facer fronte ao novo escenario financeiro: “non só tratando de lograr unha axuda transitoria para as comunidades que, como Galicia deixen de ser obxectivo prioritario para a Unión; senón traballando para ter novas posibilidades de financiamento no ámbito da cooperación transfronteiriza”.

Por último, Feijóo subliñou a ampla participación que hai detrás do documento que hoxe se validará na sesión plenaria. “Non só de todos os membros do Comité de Rexións, senón tamén de integrantes do Parlamento, do Consello e da Comisión, dos Estados membros e as organización rexionais e locais europeas e de académicos, expertos e xestores das AECTs xa constituídas”, aseverou.

  • Alberto Núñez Feijóo a súa chegada á rolda de prensa que deu xunto a presidenta do Comité das Rexións, Mercedes Bresso
Desenrrolado con Drupal